Os Venres de cine convidan a visionar sete aclamados filmes no Elma
O teatro enche cada recuncho do Elma e agora tamén o fará o celuloide. A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal activa os Venres de cine que traerá un total de sete filmes á localidade durante o 2024-2025. “Nos vindeiros meses, o Elma converterase tamén nunha sala de cine. Teremos películas recentes e premiadas do ámbito galego, nacional e internacional”, declara a concelleira da Cultura, Patricia Lojo. Outro incentivo para acudir a estas citas é o repartimento de tarxetas para “recuperar así a tradición de levar para a casa a entrada de cada película como había antigamente no Elma. Levarán este recordo coa sinopse”, engade. Unha oferta cultural con variedade na temática, como apunta a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, pois estará presente o drama e o terror, entre outros xéneros.
Esta axenda comeza no 15 de novembro con O corno; un drama ambientado na Galicia dos anos 70. María é unha muller que gaña a vida recollendo marisco, pero tamén é coñecida por axudar a outras mulleres no parto. Tras un suceso inesperado, vese na obriga de fuxir e emprender unha perigosa viaxe que a levará a cruzar unha das rutas de contrabandistas entre Galicia e Portugal.
No 5 de decembro toca asistir a 20.000 especies de abejas que narra a historia de Cocó, unha nena trans na busca da súa identidade. A súa nai, sumida nunha crise profesional e sentimental, aproveitará as vacacións para viaxar cos seus tres fillos á casa materna, onde se crían abellas e se produce mel. Ese verán cambiará as vidas das mulleres de tres xeracións distintas.
Nosotros é unha longametraxe que se poderá ver no 10 de xaneiro. Neste thriller enfróntase a unha entrañable familia estadounidense a un inimigo tan insólito como aterrador.
A complicada situación laboral e persoal de Ramona, unha muller de corenta anos dun pobo da costa galega, levarase á pantalla no 14 de febreiro con Matria. Esta fai malabarismos con múltiples traballos para manterse a flote e proporcionar un futuro mellor á súa filla.
El fotógrafo de Mauthausen achega no 14 de marzo a historia de Francesc Boix, un preso que traballa no laboratorio fotográfico e arrisca a súa vida por uns negativos que demostrarán ao mundo as atrocidades cometidas polos nazis. As instantáneas que lograron salvar a Boix e os seus compañeiros foron determinantes para condenar a altos cargos nazis nos xuízos de Núremberg en 1946.
Con Malasaña 32 trasladarase ao público ao Madrid dos anos 70 no 11 de abril. Unha familia deixa atrás un pobo na busca da prosperidade que parece poder ofrecerlles a capital nun país en plena transición política. Pero, na casa que compraron, non están sos.
E rematarase no 9 de maio con As Neves: unha rapaza desaparece nunha festa de Entroido dun grupo de adolescentes nun pobo galego de montaña. Iniciarase unha investigación que causará un profundo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo.
Todas estas proxeccións serán ás 21.00 horas, con entrada libre ata completa-la cabida.