O CIFP Coroso aproximouse ao emprendemento a través do Coworking da Pobra
O Campus de Emprendemento da Pobra do Caramiñal tivo no 14 de novembro unha nova sesión coa visita de preto de cincuenta estudantes de ciclos formativos da área de automoción do CIFP Coroso, de Ribeira.
A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e a responsable da asistencia técnica do Coworking da Pobra, Fátima Rodríguez, encargáronse de recibi-lo alumnado. Durante a benvida, a edil fixo fincapé nas oportunidades do autoemprego como opción de futuro no mundo laboral para as novas xeracións, pois “vós sodes esa semente para que concellos como o noso medre.” Neste senso, referiuse ao emprendemento como unha ferramenta para a fixación de poboación. De feito, o centro de traballo colaborativo pobrense é de carácter municipal e actualmente conta cunha alta ocupación: 16 persoas de diferentes lugares que están iniciando aquí os seus negocios. Para que todo isto se materialice contan ao longo de todo o proceso con acompañamento técnico. “Comédevos o mundo”, animounos Cerecedo.
E, para que estas ideas empresariais dean os seus froitos, hai que ter un bo plan de empresa, como explicou Fátima Rodríguez. O dito instrumento posibilita converter as cábalas en realidade.
Nesta xornada aprenderon sobre estratexias de economía circular da man de Alba Fernández, responsable do Coworking A Maceta, en Muros, para incorpora-la sustentabilidade aos negocios. Ademais, estiveron en Chutin’s Garage, para coñece-la experiencia de Javier Fanjul, emprendedor asesorado no Coworking da Pobra. Fanjul abriu no 2024 o seu propio taller de detallado de vehículos na localidade.
Os campus vivenciais nacen como unha fórmula para promove-lo emprendemento entre o alumnado de centros educativos con talleres, charlas e visitas a empresas da comarca. Un valor engadido é a adaptación das actividades segundo o perfil e formación específica dos grupos.
O ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións do IES Espiñeira, de Boiro, pasará tamén polas instalacións pobrenses. Será no martes 19, cun taller sobre habilidades sociais para emprender da man de Verónica Rodríguez, socia da consultora Promove, ademais de asistir a Café con…, onde falarán con integrantes da cooperativa de marketing dixital Kracia.
Creado en 2017, o Coworking da Pobra consta de dous espazos: o Emprende, destinado a persoas emprendedoras que fagan uso desta prestación de maneira continuada, e o Nómades, dirixido a quen utilice o centro de xeito puntual. En 2022, formalizouse a integración na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo: https://redecoworking.pel.gal/.