As augas da Pobra serán escenario da Regata Liga Norte Traiñeiriñas
O remo non para na Pobra do Caramiñal. As augas da localidade acollerán a Regata Liga Norte Traiñeiriñas no sábado 4, a partir das 16.00 horas.
Tomarán parte as categorías cadete, xuvenil e absoluta, tanto feminina coma masculina, da provincia da Coruña.
O concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, declara que “continuamos vogando na contorna do noso peirao comercial cunha nova cita deportiva. O mes de abril estivo protagonizado polo remo con tres eventos de gran magnitude e agora dámoslle comezo a maio con outra regata.”
Organiza o Club Remo Puebla coa colaboración da Concellaría dos Deportes e da Protección Civil.