
O Concello aproba de xeito definitivo o orzamento de 2025, o documento “con menos débeda e máis servizos para a veciñanza”
O orzamento do 2025 da Pobra está xa aprobado de xeito definitivo. Trátase do documento económico “con menos débeda e máis servizos para a veciñanza” e que recibiu, esta mañá, luz verde nun pleno extraordinario no que foron inadmitidas as catro alegacións do PP por non axustarse “aos supostos que marca a lei para facer reclamacións”, tal e como aclarou o edil de Facenda, Eloy Sobrido.
A inadmisión das alegacións despexou o camiño para levar a cabo a aprobación do documento económico, que experimentou unha suba do 18,52%, chegando aos 10.860.000 euros. Trátase dun documento “realista e axustado ás necesidades da veciñanza no que se impulsan as partidas dedicadas a Servizos Sociais, ao mantemento e que conta, ademais, cunha partida de investimentos de preto de 1,5 millóns de euros”. A aprobación definitiva do mesmo recibiu sete votos a favor de Nós Pobra, do BNG, do PSOE e de Veciñxs Independentes da Pobra e catro votos en contra do PP.
Liñas estratéxicas
Con respecto ao exercicio anterior, foron varios os capítulos que experimentaron unha suba. Entre eles, os que se dedican ao mantemento. O obxectivo, tal e como apuntan desde o equipo de goberno, “é garantir que as vías, camiños, mobiliario urbano e outros elementos de titularidade municipal se atopen nas mellores condicións posibles”. Proba deste compromiso é o incremento na partida de limpeza viaria e rozas de vías e fincas de titularidade municipal, que subiu un 82%, pasando dos 70.000 euros no 2024 aos 128.000 euros que se recollen en 2025. Algo similar aconteceu coa partida de pintados (labores de repintado de sinalización horizontal), que se aumentou en 10.000 euros respecto ao 2024. Seguindo a mesma liña, o apartado para acometer labores de asfaltado e acondicionamento de camiños é de 80.000 euros e o de traballos de rebacheo de 50.000 euros (no 2024 esta última partida era só de 20.000 euros).
A isto hai que sumar, así mesmo, a disposición dunha nova partida para a reparación e compra de mobiliario urbano. O documento do 2024 contaba, unicamente, cunha partida para a reparación de elementos e destinábanse, ademais, 4.000 euros para a compra de marquesiñas. En contrapartida, o de 2025 recolle máis de 20.0000 euros para ambas cuestións. Do total, 10.000 euros usaríanse para a compra de mobiliario urbano, 6.000 euros para a adquisición de contedores e 8.000 para executar os arranxos que se precisen no mobiliario urbano.
Investimentos
O capítulo de investimentos achégase a 1,5 millóns de euros e, nel, recóllense algúns proxectos que o goberno local cualifica como “estratéxicos” para seguir mellorando os servizos e infraestruturas para a veciñanza.
A relación de obras inclúe, entre outras, as seguintes: instalación de saneamento na parroquia de San Isidro (236.157,48 euros); a execución da pasarela peonil na Mercé (131.804,19 euros); a pista de pádel e as melloras no recinto deportivo Raquel Soler (45.148,51); a mellora das infraestruturas turísticas na praia da Lombiña (54.022,39 euros) e a reforma do espazo coworking do edificio do Lagar (48.222,85 euros), etc.
Apoio ao tecido asociativo e deportivo
O orzamento reflicte, ademais, un forte compromiso por parte do goberno local por apoiar ao tecido asociativo e deportivo local. Tanto é así, que as axudas aos clubs e entidades deportivas foron inxectadas con outros 3.000 euros en comparación co exercicio anterior. Estas subvencións subiron en 6.000 con respecto á proposta orzamentaria do 2022, chegando ata os 31.000 euros en 2025. A isto engádense, ademais, ás axudas culturais para sufragar a actividade das comisións de festas, da Escola Municipal de Música e ao resto de entidades culturais, etc., ou as axudas ás ANPAS, de 4.000 euros. O obxectivo, como inciden desde o equipo de goberno, “é apoiar o incrible labor que realizan desde as asociacións e clubs deportivos e que consideramos esencial para o día a día da Pobra”.
Servizos Sociais
O orzamento de 2025 ten, ademais, un claro carácter social, algo que se ve reflectido na suba de 200.000 euros nas partidas de Servizos Sociais e Atención Domiciliaria (SAD). As axudas de emerxencia social, por exemplo, acadan os 18.000 euros e destínanse, ademais, outros 154.376 euros ao mantemento de programas como o que se realiza xunto á Asociación A Creba, o Comedor sobre Rodas ou mesmo a xestión das vivendas sociais.



