
A Pobra presenta as Festas do Nazareno 2026, unha das grandes citas do calendario festivo do municipio
O Concello da Pobra do Caramiñal presentou as Festas do Nazareno 2026, que se celebrarán os días 18, 19, 20 e 21 de setembro. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e un representante da Comisión do Nazareno deron a coñecer a programación dunha das celebracións máis arraigadas da vila e unha cita destacada do calendario festivo pobrense.
Durante a súa intervención, Patricia Lojo puxo en valor o significado do Nazareno para A Pobra, tanto pola súa vinculación coa historia e coas tradicións locais como pola súa capacidade para contribuír a manter a actividade no municipio cando o verán chega ao seu fin.
Neste sentido, a responsable municipal destacou a importancia de continuar traballando para alongar a tempada turística e ofrecer motivos para visitar e desfrutar da Pobra máis alá dos meses de maior afluencia. A celebración favorece tamén o movemento na hostalaría, no comercio e nos pequenos negocios, contribuíndo á actividade económica e social da vila.
«Manter as nosas tradicións non significa quedar no pasado; significa saber coidalas e, ao mesmo tempo, adaptalas e potencialas para que sigan tendo futuro», sinalou Lojo. A concelleira de Cultura incidiu así na importancia de seguir apostando por unhas festas coidadas e á altura do que o Nazareno representa para o municipio.
A presentación serviu tamén para recoñecer o labor da Comisión do Nazareno e das persoas implicadas na organización. Lojo agradeceu expresamente o tempo, o esforzo e a dedicación que require preparar unha celebración destas características, cun traballo previo de coordinación, reunións e xestión que non sempre resulta visible.
Desde o Concello reiterouse, ademais, a colaboración coa comisión para continuar impulsando unha festa que reúne tradición, identidade e encontro e que representa, ao mesmo tempo, unha oportunidade para manter a vitalidade da Pobra máis alá do período central do verán.
A programación desenvolverase ao longo de catro xornadas, do venres 18 ao luns 21 de setembro. Entre as propostas musicais anunciadas figuran Kolokón, El Último Ke Zierre, América, París de Noia, Olympus e Panorama, ademais doutras formacións incluídas no programa.
Para rematar, Patricia Lojo convidou a veciñanza e as persoas que visiten A Pobra durante esas datas a participar na programación, saír á rúa e desfrutar do Nazareno como «unha das grandes festas do noso concello».








