
A Pobra abre as inscricións para os servizos de Madruga e Comedor do curso 2026-2027
A Concellaría de Igualdade da Pobra do Caramiñal presentou hoxe os servizos de Madruga e Comedor para o curso 2026-2027, nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, e a técnica municipal de Igualdade, Carolina Rodríguez.
Os dous servizos comezarán o mércores 9 de setembro e prolongaranse ata o 21 de xuño de 2027. A través deles, a Concellaría de Igualdade pon á disposición das familias o monitorado dos servizos de Madruga e Comedor durante o curso escolar.
Para facer uso de calquera deles será necesario presentar previamente a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada, na que deberá indicarse o servizo solicitado. As familias que precisen utilizalos desde o primeiro día, o 9 de setembro, deberán entregar a documentación, como data límite, o venres 4 de setembro. Se o servizo se precisa de maneira esporádica, a inscrición poderá formalizarse en calquera momento, sempre cun mínimo de dous días hábiles de antelación.
A ficha poderá presentarse a través da sede electrónica, mediante unha instancia xeral; presencialmente no Servizo de Igualdade, situado fronte ao Concello; ou, unha vez iniciado o curso, ao monitorado de calquera dos dous servizos.
Diferentes modalidades segundo as necesidades das familias
Ao formalizar a inscrición deberá indicarse a modalidade escollida. Os servizos poderán solicitarse por mes natural completo, medio mes, días soltos ou de maneira esporádica.
Os prezos correspondentes ao acompañamento do monitorado están recollidos na Ordenanza municipal publicada no BOP nº 122, do 26 de xuño de 2024. Mantéñense tamén os descontos habituais: unha redución do 50 % para a segunda irmá ou o segundo irmán e a gratuidade para a terceira ou o terceiro.
Nos meses de setembro e xuño, o prezo por mes completo será de 8,40 euros para estadías de ata unha hora e de 11,20 euros cando se supere ese tempo. Os días soltos terán un custo de 2 euros ata unha hora e de 2,50 euros para máis dunha hora.
Durante o resto do curso, o mes completo terá un custo de 12 euros ata unha hora e de 16 euros para máis dunha hora. Para a modalidade de medio mes, os importes serán de 8 e 12 euros, respectivamente, mentres que os días soltos custarán 2 euros ata unha hora e 2,50 euros cando se supere ese tempo.
Para resolver calquera dúbida, as persoas interesadas poden contactar co Servizo de Igualdade no teléfono 981 832 764 (ext. 6) ou a través do correo electrónico igualdade@apobra.gal.
Os servizos están cofinanciados polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade.
Ficha inscrición Servizo de Madruga Comedor 2026 2027




