
«Que o ritmo non pare» regresa cunha terceira edición para promover o envellecemento activo
O programa, dirixido a persoas maiores de 60 anos, combina exercicio físico, música e convivencia para favorecer o benestar.
A actividade é gratuíta, comezará o 5 de novembro e contará cun máximo de 20 prazas.
A Concellería de Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal, dirixida por Amparo Cerecedo, impulsa a terceira edición de «Que o ritmo non pare», un programa desenvolvido polo centro de día da localidade que busca fomentar a práctica de exercicio físico entre as persoas maiores de 60 anos mediante o baile, ao tempo que ofrece un espazo de encontro e convivencia.
A proposta combina música e movemento para traballar a flexibilidade, a coordinación, a orientación e o ritmo. Ademais dos beneficios físicos, pretende contribuír ao benestar emocional das persoas participantes a través dunha actividade lúdica que favorece as relacións sociais.
Tras dúas edicións, «Que o ritmo non pare» regresará o vindeiro 5 de novembro e desenvolverase ata maio de 2027. As sesións serán impartidas por profesionais do centro de día e celebraranse cada quince días, os xoves, de 16.15 a 17.15 horas.
A Escola Unitaria do Vilariño acollerá inicialmente a actividade, que se trasladará ao Centro Social de Santa Cruz cando estea operativo.
Inscricións abertas ata o 30 de outubro
As persoas interesadas poderán inscribirse presencialmente nos Servizos Sociais do Concello ata o 30 de outubro. A actividade é gratuíta, está dirixida a maiores de 60 anos e contará con entre 15 e 20 prazas, que se asignarán por rigorosa orde de recepción das solicitudes.
Para formalizar o trámite será necesario presentar o DNI. Tamén se poderá inscribir outra persoa, sempre que se dispoña da correspondente autorización asinada.
Para ampliar información sobre o programa, pódese contactar co centro de día da Pobra nos teléfonos 981 830 687 e 673 350 735 ou a través do correo electrónico apobradocaraminal.consorcio@igualdadebenestar.org.



