
Presentación de "Loanzas sentidas e outros poemas" (Xoán Xosé Fernández Abella)
No próximo venres 25 de xaneiro, ás 20:30 h, no auditorio do Museo Valle-Inclán, será a presentación do libro Loanzas sentidas e outros poemas, de Xoán Xosé Fernández Abella.
O autor recitará versos do libro acompañado de Pilar Sampedro e da música de Miro Casabella e Manoele de Felisa.
Xoán Xosé Fernández Abella, recoñecido poeta galego, nado en Monforte de Lemos, crítico dende as premisas do cristianismo, presentará un extenso libro do xénero da poesía galega.
Celso Emilio Ferreiro definiu un dos seus libros como a mellor musa satírica da Galiza no século XX.
No libro de poemas que presentará, prologado polo escritor e académico Xesús Alonso Montero, non escasean as páxinas de denuncia contra as persoas poderosas inxustas e maila sátira contra as falcatruadas das xentes gobernantes e gobernadas. Pero tamén predominan os poemas de loa ás xentes xustas, que exercen a súa xustiza nun mundo e nun tempo onde quen impón a súa lei son as inxustas.
Nesta ladaíña de eloxios hai nomes moi coñecidos e recoñecidos de escritoras e escritores, escultores, pintores, debuxantes, cantores, músicos, persoas loitadoras, pedagogas, mártires, heroes, deportistas e amizades, como poden ser Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Nelson Mandela, Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Victoriano García Martí, Siro López, Iker Casillas, Messi, Xavi….
Ademais, versos de loanzas dedicadas á lingua galega.
Intervirán: Xoán Xosé Fernández Abella, autor do libro; Genoveva Hermo Santos, concelleira da Cultura e da Educación da Pobra do Caramiñal; Pilar Sampedro, dinamizadora cultural; e Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán.
A entrada será libre ata completa-la cabida.