Mulleres da Pobra participan no documental O rural é de todas
No 23 de decembro estreouse o documental O rural é de todas, impulsado dende a Área da Igualdade da Deputación Provincial da Coruña, no que participan mulleres dos concellos de Aranga, Teo, Ortigueira, Muxía e A Pobra do Caramiñal.
Na presentación en liña participaron a deputada da Igualdade, María Muíño, e algunhas das protagonistas da peza, así como representantes de administracións locais. No caso concreto do Concello da Pobra, foi a edil da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra).
O referido proxecto ten como obxectivo contribuír a unha maior visibilidade do traballo das mulleres no rural a través de historias e experiencias diversas que axudan a unha maior sensibilización sobre a importancia dos traballos que as mulleres desenvolven na sociedade. Mestúranse así diferentes perfís e experiencias, onde se xuntan mulleres diversas e de distintas xeracións.
O documental está dispoñible na canle do Youtube da institución provincial ou a través da seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=lFAoBsdxL6Q&t=624s.