Espazos das Familias (con nenas/os ata 3 anos): presentación martes 22 de outubro ás 11.30 h no ISM (3.º andar)
O Concello da Pobra do Caramiñal ofrece ás familias con nenas e nenos menores de tres anos a posibilidade do encontro e intercambio con outras familias e cunha profesional da educación, co fin de que poñan en valor o seu importante papel como educadoras.
Estes encontros, denominados “Espazos das familias”, teñen como fin que os pais e as nais, é dicir, as familias, conten cun lugar onde compartiren, debateren e reflexionaren sobre a marabillosa experiencia da crianza dos nenos e nenas; coñezan cales son as actividades máis axeitadas para acada-lo mellor desenvolvemento dos seus fillos e fillas, tendo en conta a súa idade; e tamén para favorecer que nenas e nenos se atopen con outros das mesmas ou parecidas idades e coas persoas adultas.
As xuntanzas serán semanais, coa duración dunha hora e media e durante todo o curso escolar.
Estarán coordinados por unha traballadora da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, unha entidade composta por profesionais da educación que fixeron parte do colectivo de Preescolar na Casa.
As familias interesadas en participar pódense inscribir nas oficinas dos Servizos Sociais (no Servizo de Educación Familiar) ou chamar ó teléfono 981 832764, ext. 3.
A orde de admisión virá determinada pola data de presentación das solicitudes.
Presentarase o programa no día 22 de outubro de 2019, ás 11.30 h na aula de estudo do edificio do ISM (3.º andar).