
Domingo 23 e luns 24 de febreiro: actos de homenaxe a Rosalía de Castro na Pobra do Caramiñal
A escritora Rosalía de Castro, nada no día 24 de febreiro de 1837, foi a pedra fundacional do Rexurdimento literario galego coa publicación da súa obra poética Cantares gallegos no día 17 de maio de 1863 (data en que Rosalía asina a dedicatoria do libro á escritora “Fernán Caballero”): por iso celebramos tódolos 17 de maio o Día das Letras Galegas.
Nesta data son numerosas as asociacións e institucións que se unen para honra-la nosa escritora.
Na Pobra do Caramiñal, a Arrancadeira foi a agrupación do tecido social que organizou a programación en colaboración co Concello e co apoio da Fundación Rosalía de Castro, entidade impulsora da iniciativa. Así, o público asistente terá a oportunidade de se achegar á figura da nomeada intelectual nunha cita que mestura gastronomía, cultura e mailo aspecto lúdico.
O Cantón da Leña converterase, neste domingo 23 de febreiro de 2020, en epicentro de diversas actividades que se desenvolverán de 12.00 a 15.00 horas. Neste sentido, convídase a veciñanza e visitantes a degusta-lo Caldo de Gloria, repartíndose de balde e empregándose a cociña portátil municipal para a súa elaboración. Esta iniciativa inspírase no poema “Miña casiña, meu lar“, onde a autora explica como facer un caldo humilde e relata a épica diaria da supervivencia. Tamén haberá música e baile tradicional, a participación de Argalleiros de Santiago, así como lectura de poemas, entre outros.
No que respecta á xornada do luns 24 de febreiro, procederase cun acto institucional en que se efectuará a lectura dun manifesto e unha ofrenda floral na praza de Rosalía de Castro, a partir das 13.00 horas.
Deseño do cartel: Adrián González ART