
O Concello da Pobra avanza no proceso de adhesión do coworking á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo
Integrantes do executivo local desprazáronse esta mañá ata a sede da Deputación da Coruña para aborda-la incorporación do coworking da Pobra á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo do Plan de emprego local.
Neste senso, o alcalde Xosé Lois Piñeiro, a concelleira da Dinamización Económica, Charo Varela, e a súa homóloga da Cultura, Patricia Lojo, reuníronse co deputado da área do Emprego, Xosé Ramón Rioboo, e a coordinadora do Plan de emprego local da institución provincial, Marisa Lista. Unha vez finalizado o encontro, o mandatario local valorou positivamente a xuntanza. A sinatura do convenio contribuirá á dinamización económica e empresarial do municipio, fomentando a cultura do emprendemento e traducíndose en maiores posibilidades no eido socioeconómico.
Para a tramitación do tratado, o Concello debe achegar unha serie de documentos entre os cales figura unha memoria pormenorizada das propostas que se han realizar, un orzamento detallado das actividades con tódolos elementos do gasto que implican e o programa de traballo, entre outros escritos. Así mesmo, unha delegación da Deputación da Coruña achegarase ata o municipio pobrense nas próximas semanas co obxectivo de coñecer de primeira man as instalacións situadas na planta baixa do antigo restaurante O Lagar.
O coworking da Pobra leva en funcionamento dende abril de 2017, conta con capacidade para dez emprendedoras e emprendedores e divídese en catro zonas: unha sala de reunións, unha sala de audiovisuais, unha área coworker e cociña cunha área de descanso. Este tipo de espazos concíbense como lugares onde as persoas que desenvolven distintas actividades empresariais e non precisan dunha oficina física se xuntan para traballaren de xeito individual nun ambiente laboral produtivo, podendo incluso estabelecerse sinerxías.
Por outra banda, a xuntanza tamén versou sobre as posibilidades de conseguir financiamento para a loxística da páxina web DEANshop co obxectivo de incrementa-la acción desta ferramenta e o seu alcance.