O Concello da Pobra traballa no reforzo do persoal da Policía local
O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e mailo concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), deron conta hoxe, venres 12, da situación en que se atopa a Policía local e anunciaron que están na busca de solucións.
O rexedor explicou que o cadro de persoal orixinal conta con 11 axentes e o xefe de policía, pero que se viu reducido a 2 axentes dispoñibles actualmente, entre eles o nomeado xefe accidental. Unha redución que se deu, segundo manifestou, polas prexubilacións, baixas e comisión de servizos. Engadiu que a maiores hai tres auxiliares e que esta cifra non foi incrementada porque, para o desenvolvemento das súas tarefas, precisan de axentes que acompañen durante as súas gardas. Do mesmo xeito, manifestou que se solicitaron as prazas á Academia Galega de Seguridade Pública, mais declarou que non é unha solución inmediata, pois “o proceso selectivo no caso da Policía tarda, é bastante longo, porque primeiro son as probas e despois as prácticas antes de que poidan chegar a incorporarse”, ao cal se sumou que no pasado ano se suspenderon as probas pola situación derivada da COVID-19.
De igual maneira quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza, pois, tal e como afirmou, o Goberno está analizando diferentes opcións para incrementa-la seguridade cidadá, ademais de contar coa colaboración da Garda Civil, que reforza as súas gardas na medida das súas posibilidades, polo cal agradeceu a súa implicación e traballo.
Pola súa parte, o edil José Andrés Lojo fixo fincapé na complexidade de atopar unha solución a esta realidade porque, lembrou, o persoal auxiliar da Policía non ten a mesma autoridade ca un/unha axente. En consecuencia, as posibilidades sobre as cales están a traballar son, en primeiro lugar, o pagamento de horas extra ao persoal actual, o cal permitiría engadir noites no cuadrante. E outra das alternativas é a contratación de seguridade privada, por medio de gardas xurados que, se ben non teñen as mesmas competencias ca a Policía local, si confiren un efecto disuasorio e poden dar aviso ás forzas de seguridade. Unhas medidas que teñen a finalidade de ofrecerlle á veciñanza “a maior seguridade posible.”