Aberto o prazo de adhesión dos comercios aos bonos Activa
O DOG do 14 de abril de 2021 recolle a publicación da orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á súa convocatoria e á apertura do prazo para a adhesión dos comercios.
O obxectivo do dito programa é incentiva-la demanda comercial axudando economicamente as persoas consumidoras e fomenta-lo consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña. Así mesmo, ten como finalidades propicia-lo fortalecemento do sector comercial retallista galego; dinamiza-la actividade comercial promovendo as compras de bens en comercios; mellora-lo fondo de manobra dos establecementos comerciais e reduci-lo impacto económico derivado do cesamento e das restricións da actividade de determinados establecementos comerciais como consecuencia da situación ocasionada pola COVID-19.
Para a concesión destas axudas destinaranse 10 000 000 euros con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021. O órgano responsable da xestión das subvencións será a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a quen lle corresponde desenvolve-las actuacións de supervisión e control da correcta execución do programa.
Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos. O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor da compra de acordo cos seguintes criterios: desconto de 5 euros en compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros; e desconto de 10 euros en compras iguais ou superiores a 50 euros. Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse a través da web https://www.bonosactivacomercio.gal e indica-la información necesaria, ademais de cumprir unha serie de requisitos establecidos. O prazo para adscribirse ao programa será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no DOG.
Respecto á solicitude e obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web https://www.bonosactivacomercio.gal, e indicar unha serie de datos.
O programa bonos Activa comercio estará vixente ata o 31 de decembro de 2021.