
Subvencións para proxectos de mellora enerxética nas empresas
No DOG do 13 de abril de 2021 publicouse a resolución pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021.
O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) considera de máximo interese potencia-las actuacións de mellora do aforro e da eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores na Comunidade Autónoma de Galicia. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 3 000 000 euros.
Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación: bono envolvente, bono iluminación, bono instalacións eléctricas, bono equipamento, bono climatización e bono inmótica. Entre as condicións figuran que serán subvencionables os gastos e os investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2021 dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1 000 euros por solicitude, sen incluí-lo IVE. Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo.
A contía da axuda será do 80% do custo elixible da intervención e, con carácter xeral, establécese unha achega máxima de 6 000 euros por solicitude.
O prazo de presentación de solicitudes rematará no 30 de xuño de 2021 e esta efectuarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta e na páxina web do Inega. Tamén se deberá achega-la documentación que se especifica na referida resolución.




