Aurora Marco presenta na Pobra o seu libro Irmandiñas
O Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal volve acubillar unha actividade de índole literaria no 8 de maio, ás 20.00 horas, coa presentación do libro Irmandiñas, de Aurora Marco e coa edición a cargo de Laiovento.
O acto contará coas intervencións da propia autora e do concelleiro da Memoria Histórica, Xabier Santos (BNG), ademais do acompañamento musical por parte de Barahúnda.
Este ensaio é unha reivindicación do labor social, cultural e político desenvolvido polas mulleres galegas nas primeiras décadas do século XX, etapa en que, malia a súa incorporación aos espazos públicos, a súa proxección foi limitada e as irmandiñas non foron unha excepción. A través dun arduo traballo de investigación, Aurora Marco constata documentalmente a relevancia do seu compromiso e dinamismo, contribuíndo así a recuperar e recoñece-lo seu legado.
A entrada é libre ata completa-la cabida.