Unha exposición pictórica de Xoán Fernández abre ao público pobrense no 7 de outubro
Unha nova mostra pictórica volverá engalanar de creatividade a casa da cultura Raquel Fernández Soler da Pobra do Caramiñal. Desta vez é a quenda de Abstracción vs. Figuración, de Xoán Fernández. A inauguración terá lugar no 7 de outubro, ás 20.00 horas, nun acto organizado pola Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE). A entrada é libre ata completa-la cabida.
Os cadros que integran esta exposición plasman etapas de estilo abstracto e figurativo, mesturando así o mundo real co fantástico.
Xoán Fernández conta cunha dilatada e consolidada traxectoria artística. A súa obra formou parte de exhibicións individuais e colectivas na Alemaña, Bélxica, Holanda, Madrid e Galicia. Ademais, parte das súas creacións consérvanse en coleccións privadas e en numerosas institucións tales como o propio Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. Por todo este percorrido cultural, a A.C. Barbantia outorgoulle en 2019 o premio do Sereo.