A Pobra e Boiro alíanse na mellora da empregabilidade dun cento de mulleres da comarca
Achegar formación e mellora-la empregabilidade dun cento de mulleres dos municipios que forman Barbanza Arousa son os obxectivos da folla de ruta do Programa Integrado de Emprego para o período 2022/2023 que impulsan as administracións locais de Boiro e da Pobra do Caramiñal.
No acto de presentación, a edil pobrense do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), xunto co concelleiro boirense da Promoción Económica, Carlos Muñiz, e persoal técnico destas áreas, declarou que se realiza conxuntamente para optimizar recursos, ademais de que A Pobra non pode executar este tipo de itinerarios de maneira individual por ter menos de 500 persoas desempregadas.
Subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, o programa está dirixido a cen mulleres demandantes de emprego dos concellos da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira. Deberase acadar un 45% de inserción laboral.
O curso teórico-práctico ten unha duración de doce meses e divídese en catro módulos: administración, marketing e atención á clientela, alimentación e almacén. Polo tanto, algunhas das materias que se impartirán son fundamentos básicos de cociña, limpeza, elaboración de pezas cárnicas, operacións básicas de caixa, carreta elevadora, xestión de almacén, comercio electrónico, contabilidade e nóminas ou manipulación de alimentos, entre outras competencias. Inclúe tamén unha etapa de prospección empresarial, é dicir, realizaranse visitas a empresas para coñece-las súas necesidades de persoal e proporcionarlle candidatas formadas ao empresariado.
Trátase dun programa dinámico para facilita-la asistencia das participantes: combinación de modalidade presencial e online ou adaptación dos contidos ás necesidades detectadas son algúns dos exemplos.
Ademais, haberá unha bolsa de participación de 7 euros diarios por xornada de asistencia.
O proceso de selección xa está aberto. No caso concreto da Pobra, será no 2 de decembro, ás 10.00 horas, no salón de plenos. As candidatas deben estar inscritas na oficina de emprego correspondente como demandantes de emprego e solicita-la asignación do código 930.
Máis información a través das seguintes vías de contacto: emprego@boiro.gal, 650042409 e 659247963 (Concello de Boiro) e 981377610 ou 981377625 (Concello da Pobra do Caramiñal).