A campaña da praza de abastos Consegue Caramiñas, Comparte Nadal conclúe co sorteo do importe da cea da fin de ano
A campaña da praza de abastos Consegue Caramiñas, Comparte Nadal concluíu no 21 de decembro co segundo dos sorteos: o importe da compra da cea da fin de ano. Se as persoas usuarias do centro de día sacaron os boletos premiados da Noiteboa, nesta ocasión a responsabilidade recaeu na directiva da Asociación de Amas de Casa.
Dos máis de 30 000 boletos depositados saíron os tres gañadores: un primeiro premio, dotado de 600 euros; un segundo, de 400 euros; e un terceiro, de 200 euros. Seguen o formato de vale/caramiña para trocar por produtos nos postos do mercado municipal.
A este respecto, a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, manifesta que a Administración local impulsou esta acción dirixida exclusivamente á praza de abastos para incentiva-las compras do produto local e pór en valor os e as profesionais destes postos. Aproveitou a ocasión para valorar todo o traballo da Asociación de Amas de Casa e para lle face-la entrega de cadanseu obsequio pola súa colaboración na confección de parte da decoración das dependencias, como, por exemplo, o Fogar do Nadal, habilitado na oficina do turismo.