A veciñanza pobrense formarase en historia, fitoterapia e musicoloxía con Camiños de Coñecemento e Experiencia
A poboación maior de 50 anos da Pobra do Caramiñal terá a ocasión de se formar cunha nova edición do programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Camiños de Coñecemento e Experiencia que potencia as disciplinas científicas, humanísticas e artísticas.
Esta sétima convocatoria porá o foco na historia, na fitoterapia e na musicoloxía, a cargo de persoal docente vencellado co proxecto e seguindo a metodoloxía teórico-práctica.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, apunta que a Administración local pobrense é unha das institucións colaboradoras deste proxecto formativo e de extensión cultural “que tamén contribúe ao envellecemento activo a través do exercicio intelectual, ademais de descentraliza-la educación universitaria das principais cidades galegas para aproximarlla á veciñanza maior de 50 anos de localidades máis pequenas.”
O seminario A relevancia, a diversidade e a riqueza do patrimonio cultural inmaterial galego: unha aproximación á historia da música galega e aos instrumentos de percusión marcará o inicio das aulas, no 5 de marzo, da man de María González Blanco, quen proseguirá no día 7 cun obradoiro.
María Pilar Riveiro López ensinará sobre Plantas medicinais: aplicacións e usos nos días 8 e 11, coa parte teórica primeiro e a práctica despois.
E no día 13 tocará aprender da man de José Manuel Vázquez Lijó con Escolas, alumnos e mestres nas vilas e aldeas de Galicia (1750-1950), para, no día 14, visita-lo Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega).
As clases desenvolveranse no horario da tarde, no Auditorio do Museo Valle-Inclán, agás para aquelas sesións que requiren unha saída. A matrícula formalizarase na casa da cultura Raquel Fernández Soler, no teléfono de contacto 981831545.