A Protectora Moura dará o pregón do Nazareno 2024
As festas do Nazareno 2024 animarán o ambiente da Pobra do Caramiñal do día 13 ao 16 de setembro. O Concello da Pobra do Caramiñal decidiu que o pregón recaia, nesta ocasión, nun colectivo: a Protectora Moura. Representantes desta entidade pronunciarán o discurso no venres 13, ás 21.15 horas, dende o balcón da casa do concello.
O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, explican que esta decisión se fundamenta “no recoñecemento do activismo e do encomiable labor deste grupo de persoas voluntarias para a defensa dos animais mediante a protección e rescate daqueles en situación desfavorecida ou de desamparo, así como na xestión e seguimento de adopcións.”
Como titular da Concellaría do Benestar Animal, o rexedor destaca tamén o seu traballo no centro de recollida de animais abandonados. “A Administración local ten asinado un convenio con esta protectora, mediante o cal se lle atribúe a xestión desta instalación municipal. Esta entidade animalista goza de gran dinamismo, compromiso no coidado dos animais que alí temos e determinación na busca dun fogar adecuado”, precisa.
Ademais, o Concello quere outorgarlle un matiz característico a este pregón, polo cal convida a veciñanza e visitantes a que asistan coas súas mascotas.