Ricardo Real comparte a súa arte co público na casa da cultura da Pobra
Unha trintena de cadros integran a nova exposición que loce na casa da cultura Raquel Fernández Soler. Unha afección pola arte que Ricardo Real foi cultivando ao longo dos anos e que se materializou xa en mostras previas na Pobra do Caramiñal, así como en localidades veciñas como Ribeira, Boiro e Noia.
Nesta mostra que permanecerá durante todo o mes de setembro na dita instalación municipal, o mar e o entorno son os protagonistas principais, ademais de escenas de carácter máis doméstico. De aí a presenza de paisaxes marítimas, animais, bodegóns… Os seus cadros reflicten, polo tanto, variedade na temática, pero tamén na técnica empregada: acrílico, acuarela, óleo, pastel, lapis, carboncillo, tinta china…
O acto inaugural tivo lugar na tarde do 6 de setembro, amenizado musicalmente por Xiada e Ruadiña. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, acompañou ao artista. Segundo expuxo a edil, “é importante servir de escaparate tamén para o talento local. Na anterior ocasión, trouxemos para o público unha exhibición artística dun compostelá con familia nesta vila, cun agarimo especial pola Pobra que, como puidemos comprobar, non se limitaba exclusivamente ao parentesco. Agora asistimos á apertura da mostra dun veciño que expón por primeira vez nesta casa da cultura.” Lojo tamén declarou que dende a Concellaría da Cultura “traballamos arreo para converter este espazo nun punto de referencia como xanela das disciplinas pictórica e escultórica e, dada a cantidade de artistas que contactan connosco e o número e heteroxeneidade das mostras, considero que estamos no bo camiño.”
As visitas poderanse efectuar de luns a venres, de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.