Unha nova visita á capela da Alba amplíase con coñecementos sobre o conxunto da igrexa de Santiago do Deán
O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal continúa coa serie de itinerarios comentados polo patrimonio cultural da localidade. No 17 de agosto repítese a visita á capela da Alba, experiencia que se amplía para descubrir tamén en conxunto a igrexa de Santiago do Deán, por mor das solicitudes recibidas. O punto de encontro establécese no adro do Castelo, ás 12.00 horas. Convértese así na cuarta parada, que estivo precedida pola primeira visita á capela da Alba, unha ao pazo do Couto e outra ao templo relixioso de Santa María a Antiga do Caramiñal. Este programa proseguirá ata finais de mes.
Trátase dunha actividade de balde que require a inscrición previa a través dos teléfonos de contacto 981831662 e 681173484 ou do enderezo electrónico museo.valleinclan@apobra.gal.
A maiores, seguen operativas as visitas comentadas pola torre de Bermúdez que se efectúan cada venres, ás 11.00 e 19.00 horas. Unicamente é preciso anotarse nas canles xa referidas.