Ciclistas e corredores teñen unha cita no 28 de setembro coa VII Subida á Curota
Comeza o outono na Pobra do Caramiñal a nivel deportivo cunha das súas actividades máis singulares: a VII Subida á Curota. Esta proba que se disputará no 28 de setembro reúne a práctica do atletismo (carreira a pé), dende a sub-18 ata a máster, e a do ciclismo: BTT (máster 30, máster 40 e máster 50) e bicicletas de estrada (cadete, júnior, sub-23, elite, máster 30, máster 40 e máster 50). Ciclistas e corredores deberán completar unha distancia de 9 quilómetros nun circuíto que ten a praza Alcalde Segundo Durán como punto de partida e A Curota como meta.
As saídas efectuaranse a partir das 17.30 horas para a BTT -cada medio minuto, unha persoa participante-, ás 18.00 horas para a carreira a pé -conxunta- e nas 18.15 horas para as bicicletas de estrada -cada minuto, unha persoa participante-. Estímase unha participación de 200 deportistas.
O concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, declara que se inaugura así a tempada de competicións deportivas que transcorrerán na localidade nos vindeiros meses. Tamén se refire á vistosidade da mesma ao “coñecer a través da práctica deportiva unha parte do noso núcleo urbano para despois dirixirse por zonas do rural do noso municipio e rematar nunha paraxe natural de gran valor.” Agradece, así mesmo, o traballo da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e da Federación Galega de Atletismo, organismos promotores xunto coa Administración local, ademais da colaboración de Sport Bike e do Motoclub SinFrenos e todo o dispositivo que velará pola seguridade, entre eles, a Protección Civil.
Pola súa parte, a técnica municipal dos Deportes, Ana Romero, indica que a organización porá a disposición autobuses para o traslado das e dos deportistas dende a meta ao lugar de saída para proceder coa entrega das distincións: trofeos para as tres primeiras persoas clasificadas por categorías e o repartimento de 1950 euros en premios económicos aos tres mellores tempos en carreira a pé, bicicleta de estrada e BTT.
As inscricións formalizaranse a través da páxina web www.emesports.es, por un importe de 6 euros, ata as 23.59 horas do 26 de setembro.