As escolas deportivas da Pobra contarán con dezanove disciplinas no curso 2024-2025
A vida deportiva da Pobra do Caramiñal seguirá activa trala época estival. Aquí xogan un importante papel non só as competicións, tamén as escolas deportivas que se reactivan no mes de outubro cun total de dezanove disciplinas para o curso 2024-2025.
“Despedimos o verán, pero non a actividade física. A Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal ten un firme compromiso co fomento da práctica deportiva e un estilo de vida saudable entre a veciñanza. Por iso, traemos as escolas deportivas municipais cunha variada e atractiva oferta para tódolos rangos de idade. E contamos novamente coa colaboración dos nosos clubs. Xa constatamos moi boa acollida destas clases dende o momento da apertura do prazo de preinscrición a mediados da semana pasada”, explica o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido.
Con relación a isto último tamén se pronuncia a técnica municipal dos Deportes, Ana Romero, ao precisar que xa hai moitas prazas cubertas.
A área municipal dos Deportes xestiona directamente a educación física base-predeporte e o fútbol sala mixto para a rapazada. Coa participación de irmas e irmáns administraráselle un desconto do 50% ó/á segundo/a e será de balde para o/a terceiro/a.
Para as persoas adultas ofértase ximnasia de mantemento, pilates, camiñadas + estiramentos, camiñadas para maiores, ximnasia para maiores e baile, salsa e ritmo latino. Para este tramo de idade tamén se aplicará unha dedución: anotándose en pilates e outra actividade, o prezo bimensual será de 80 euros e, a terceira, gratuíta.
Coa implicación das entidades deportivas locais, a rapazada poderá practicar tamén artes marciais, atletismo, baloncesto, fútbol, patinaxe artística, remo, tenis, tenis de mesa, xadrez, xogos de mesa e tiro co arco.
O formulario para a participación deberase entregar cuberto no rexistro xeral de entrada do Concello ou a través da sede electrónica municipal. O pagamento efectuarase unha vez confirmada a matrícula.