
O Concello da Pobra do Caramiñal promove a autoestima das mulleres a través da arte co programa ‘Autoestimarte’
A área de Igualdade do Concello da Pobra do Caramiñal pon en marcha o programa ‘Autoestimarte’, unha proposta destinada a mulleres que busca promover a autoestima, o fortalecemento persoal e o autocoñecemento mediante a creatividade e a expresión artística.
O programa desenvolverase en dúas sesións de dúas horas e media cada unha no Centro Sociocomunitario da Pobra do Caramiñal. A primeira terá lugar o mércores 4 de xuño baixo o título ‘Identificarte’ e centrarase na exploración e reinterpretación da imaxe persoal, indo máis aló dos estándares externos e favorecendo unha conexión máis profunda coa propia identidade.
A segunda sesión será o mércores 11 de xuño e levará por nome ‘Expresarte’, ofrecendo un espazo para a libre expresión a través da arte, promovendo o activismo persoal e colectivo.
As persoas interesadas poden inscribirse no propio Centro Sociocomunitario, no departamento de Igualdade do Concello da Pobra, a través do correo electrónico igualdade@apobra.gal ou chamado ao 981 83 27 64 (extensións 5 e 6). O número de prazas está limitado a 25 e as inscricións permanecerán abertas ata que se completen.
A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, destacou que “con iniciativas como Autoestimarte queremos ofrecer espazos nos que as mulleres poidan reforzar a súa autoestima a través da creatividade” e puxo en valor a importancia “de seguir levando a cabo accións que poñan o foco no benestar emocional e a igualdade”.




