
Emprende-Co Pobra avanza no apoio ao emprendemento e á dinamización comercial
O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellería de Promoción Económica, dirixida por Amparo Cerecedo, deu a coñecer oficialmente no mes de maio Emprende-Co Pobra – Novas Aperturas Comerciais, unha iniciativa municipal destinada a apoiar o emprendemento, favorecer a ocupación de locais baleiros e contribuír á dinamización do comercio local.
Baixo o lema «Se gañas, todas e todos gañamos», o programa nace como un apoio real para emprender e abrir no pequeno comercio local. A proposta busca facilitar a posta en marcha de novas actividades e, ao mesmo tempo, contribuír á recuperación de espazos comerciais sen uso, xerando novas oportunidades económicas na vila.
Emprende-Co Pobra conta cun orzamento de 100.000 euros, financiado nun 80 % pola Deputación da Coruña, cunha achega de 80.000 euros, e nun 20 % polo Concello da Pobra do Caramiñal, que destina 20.000 euros á iniciativa.
O programa ofrece apoio económico ás propostas seleccionadas, cunha contía vinculada ás características de cada proxecto, xunto con acompañamento técnico e outras medidas orientadas a facilitar a posta en marcha e consolidación das novas actividades comerciais.
Desde a súa presentación, Emprende-Co Pobra continuou desenvolvendo diferentes accións para dar a coñecer as súas posibilidades, informar as persoas interesadas e avanzar na captación de propostas.
Outro dos eixos da iniciativa é a creación dunha bolsa de locais comerciais baleiros. Neste sentido, o Concello fixo un chamamento ás persoas propietarias de baixos comerciais e ás inmobiliarias da comarca para incorporar espazos dispoñibles que poidan acoller os proxectos participantes.
Deste xeito, Emprende-Co Pobra – Novas Aperturas Comerciais procura conectar iniciativas emprendedoras con locais dispoñibles, favorecer novas aperturas e reforzar o tecido comercial e económico da Pobra do




