Últimas Novas

A Pobra impulsa un xogo-concurso polo Día de Rosalía de Castro

A Pobra impulsa un xogo-concurso polo Día de Rosalía de Castro

No 24 de febreiro conmemórase o día dunha das intelectuais máis representativas da cultura galega, dentro e fóra das nosas fronteiras. A figura de Rosalía de Castro chega aos nosos días como un dos máximos expoñentes da nosa idiosincrasia. Tal e como expuxo a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), é preciso continuar co labor divulgativo da súa persoa, obra e, polo tanto, do seu legado. Neste senso, fixo fincapé en que “é un luxo para o sistema literario galego ter unha muller coma ela.” En consecuencia, a edil anunciou que, no presente ano, respectando as medidas sanitarias adoptadas pola situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 e tras realiza-las consultas pertinentes á Administración autonómica, a praza que leva o nome da escritora será escenario no propio mércores 24, ás 13.00 horas, do tradicional acto institucional consistente na lectura pública e ofrenda floral.

Así mesmo, como novidade bota a anda-la proposta As sete Rosalías. Trátase dun xogo-concurso dirixido ás crianzas para lles achegar Rosalía de xeito didáctico e cun compoñente lúdico.

Máis polo miúdo, a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, explicou que xa o título desta iniciativa pretende dar traslado da mensaxe de que “Rosalía é unha muller polifacética, pois é a escritora, a nai, a loitadora, a reivindicadora.”  A dita actividade consiste en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que conteñen no seu interior o rostro da intelectual acompañado de versos seus. Estas pezas expóñense nos escaparates de diversos establecementos locais da Pobra dende o día 22 ata o 28 de febreiro. O desafío reside en buscar nos escaparates dos locais do municipio as 7 versións diferentes da imaxe que ilustra o cartel deste ano, xa que non todas son iguais. Poden participar todos aqueles nenos e nenas pobrenses con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que conten cun dos impresos repartidos nos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra. Unha vez atopadas, será preciso anotar no folleto cal é esa diferenza e en que instalación se sitúa. De lograren supera-lo reto, deben entrega-los impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos centros de ensino xa mencionados.

No 2 de marzo realizarase un sorteo entre tódolos cativos e cativas acertantes, e efectuarase o repartimento dun total de 25 premios consistentes nunha botella térmica e uns auriculares sen fíos.

Finalmente, a concelleira expresou o seu agradecemento aos establecementos que toman parte deste xogo-concurso e animou os pequenos e pequenas da casa a participar, respectando as medidas establecidas por mor do coronavirus.

Son unhas actividades pensadas co obxectivo de que Rosalía de Castro “estea presente en tódalas casas e traballándose especialmente coas nenas e cos nenos, pois son eles quen lle seguirán dando voz.”