Últimas Novas

A Pobra inicia a fase formativa previa á constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero

A Pobra inicia a fase formativa previa á constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero

14 Xaneiro, 2022

Na tarde do 12 de xaneiro desenvolveuse na Pobra do Caramiñal a primeira xornada de formación para a futura constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. A dita acción foi impartida a través da Secretaría Xeral de Igualdade en coordinación coa Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra). Contou cunha ampla participación, pois estiveron presentes membros da corporación municipal, persoal técnico do Concello, Policía local, Garda Civil e representantes do eido educativo e do tecido asociativo.

Os obxectivos desta fase formativa, que terá continuidade no 19 de xaneiro, son impulsar a posta en marcha da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero e promover a organización entre profesionais de distintos ámbitos que median no proceso de intervención coas vítimas de violencia de xénero e que realizan tarefas de prevención a nivel municipal e comarcal.