Últimas Novas

A Pobra ultima a elaboración do plan de redución das emisións de CO2

A Pobra ultima a elaboración do plan de redución das emisións de CO2

Na tarde do mércores 9 tivo lugar unha reunión telemática entre membros do equipo de goberno da Pobra do Caramiñal, a técnica municipal da Área do Medio Ambiente e unha representante de Sicasoft Solutions, empresa encargada da asistencia técnica no referido ao Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), un documento clave dentro do Pacto das Alcaldías a través do cal o Concello expón como acadará o compromiso asumido de lograr en 2030 unha redución do 40% das emisións do CO2 -e, posiblemente, outros gases de efecto invernadoiro- no prazo de 10 anos. Búscase así a implicación da cidadanía e das administracións públicas para loitar contra o cambio climático con medidas pensadas, cuantificadas e reais.

Con este encontro virtual quedou ultimado o referido Plan, con tódalas accións de mitigación e adaptación xa definidas, ademais de se presentar uns orzamentos moi estimativos -baseados no custo de mercado e en accións semellantes desenvolvidas- cos cales financia-las intervencións que se pretenden.

Este documento presentaráselle á oposición, con posibilidade de se producir algún cambio por petición súa, e despois de que membros dos grupos da corporación municipal estiveran presentes nunha xuntanza mantida no mes de agosto respecto a esta cuestión. Posteriormente, este asunto será levado ao Pleno para debate-la súa aprobación.

Desde a Administración local tampouco se descarta presentarse a outra convocatoria, a nivel europea, sobre materia medioambiental, onde un dos requisitos é te-lo PACES elaborado.

Por outra banda, o Concello da Pobra do Caramiñal acaba de recibi-la notificación de que resultou beneficiario dunha axuda de 6000 euros (cantidade máxima á cal podía optar) por parte da Consellaría do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, contía destinada a sufraga-la asistencia técnica.