
Mellorada a seguridade viaria na estrada de Vilariño de Abaixo
O Concello da Pobra do Caramiñal deu conta da finalización dos traballos de pavimentación da estrada de Vilariño de Abaixo, unha actuación desenvolvida ao abeiro do POS+ Adicional 2/2024 da Deputación da Coruña.
A intervención supuxo un investimento total de 95.415,81 euros. Desta contía, 49.439,42 euros foron financiados pola Deputación da Coruña, mentres que os 45.976,39 euros restantes foron achegados polo Concello.
O alcalde, José Carlos Vidal Suárez, e a concelleira de Obras, Patricia Lojo Nine, explicaron que esta mellora permite reforzar as condicións de circulación nunha vía de uso habitual para a veciñanza, contribuíndo a incrementar a seguridade viaria e a comodidade dos desprazamentos.
A actuación enmárcase na colaboración entre o Concello da Pobra do Caramiñal e a Deputación da Coruña para a execución de proxectos destinados á conservación e mellora das infraestruturas municipais.





