
O deporte toma protagonismo este verán na Pobra cunha programación para todas as idades
A concellería de Deportes da Pobra do Caramiñal pon en marcha unha nova edición de “O Deporte na Pobra. Verán 2026”, unha proposta que reunirá actividades formativas, iniciativas de lecer activo e citas competitivas ao longo dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro.
A oferta inclúe opcións destinadas á infancia e á mocidade, entre elas fútbol praia, fútbol sala mixto de iniciación, baloncesto, tenis, volei praia, remo, patinaxe artística, atletismo, xadrez, artes marciais e distintos campus deportivos. Pola súa banda, as persoas adultas poderán participar en sesións de pilates, ximnasia de mantemento, full body, rutas a pé, baile latino e programas específicos para maiores.
O calendario complétase cun amplo número de probas e encontros deportivos, entre os que figuran a XXI Bandeira Traíñas Concello da Pobra do Caramiñal, a V Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes, a Regata Banco Móbil de Remo, o Circuíto do Barbanza de Tenis, o Torneo de Volei Praia, o Torneo Xadrez na Rúa, a Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal e a LXV Milla Urbana Nocturna.
Entre as propostas abertas á participación da veciñanza destacan tamén a XXXIV Festa da Bici, programada para o 12 de xullo, e o Día do Deporte na Rúa, previsto para o 28 de agosto, dúas xornadas pensadas para fomentar a actividade física e a convivencia en espazos públicos.
As persoas interesadas deberán formalizar unha preinscrición mediante os formularios habilitados pola Concellería de Deportes. A documentación poderá presentarse no Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica do Concello.
Con esta iniciativa, o Concello da Pobra do Caramiñal reforza a súa aposta pola promoción de hábitos saudables e pola creación de alternativas de ocio activo adaptadas a diferentes idades e niveis de práctica deportiva.
Formulario preinscrición escola de verán rapazada
Formulario preinscrición actividades persoas adultas verán





