
A andaina solidaria “A Pobra en marcha contra o cancro” celebrará unha nova edición o vindeiro 14 de xuño
A Pobra do Caramiñal acollerá o vindeiro 14 de xuño unha nova edición da andaina solidaria “A Pobra en marcha contra o cancro”, organizada pola Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro coa colaboración do Concello.
Os detalles da iniciativa déronse a coñecer esta mañá nun acto no que participaron representantes da asociación e a concelleira Estefanía Ramos, en representación do Concello da Pobra do Caramiñal.
A saída terá lugar ás 10.00 horas desde a praza Alcalde Segundo Durán. As persoas participantes poderán escoller entre dous percorridos adaptados a diferentes niveis: unha ruta longa de 11 quilómetros e unha andaina mini de 6 quilómetros.
As inscricións teñen un custo de 5 euros para persoas adultas e de 3 euros para nenos e nenas de ata 12 anos. Ademais, aquelas persoas que desexen colaborar coa causa sen participar na actividade poderán facelo mediante a adquisición dun dorsal solidario.
As inscricións poderán realizarse en distintos establecementos colaboradores da vila, nas mesas informativas da Asociación Española Contra o Cancro e tamén a través da páxina web da entidade.
Con esta iniciativa búscase fomentar hábitos de vida saudables e continuar apoiando a investigación oncolóxica, así como os servizos de atención e acompañamento que a asociación presta ás persoas con cancro e ás súas familias.




