Últimas Novas

A poda será o eixe central dun novo curso na Pobra

A poda será o eixe central dun novo curso na Pobra

14 Xaneiro, 2022

O municipio pobrense acollerá un curso de poda dirixido a toda a veciñanza en xeral e que organiza a Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra).

O programa desenvolverase nos meses de febreiro e maio, e constará dunha parte teórica e outra práctica. Esta acción formativa comezará co coloquio Teoría sobre a poda que impartirá Carme Freire Cruces, labrega e formadora. Será no 4 de febreiro, dende as 16.00 ata as 20.00 horas, na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal.

A xornada terá continuidade no día 5, en horario de mañá e de tarde. Primeiramente, procederase nunha parcela coa poda en seco de froiteiras de óso, de 10.00 a 14.00 horas; mentres que dende as 16.00 ata as 20.00 horas, será a quenda das froiteiras de pebida. En caso de chuvia, adíase ao 12 de febreiro.

E xa no 21 de maio efectuarase a poda en verde, en horario de 17.00 a 21.00 horas.

A actividade é de balde e o número de prazas é limitado, polo que se require inscrición previa dende o 17 de xaneiro a través do enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal.