A Pobra avanza na elaboración do plan de redución das emisións de CO2
O salón de plenos da casa consistorial da Pobra do Caramiñal acolleu na tarde de onte un encontro para avanzar no Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), un documento clave dentro do Pacto das Alcaldías a través do cal o Concello expón como acadará o compromiso asumido de lograr en 2030 unha redución do 40% das emisións de CO2 -e, posiblemente, outros gases de efecto invernadoiro-, o cal se traducirá para o municipio nunha dedución de 9992 toneladas das ditas emisións no prazo de 10 anos, desde os datos obtidos en 2015, exercicio durante o cal se despediron á atmosfera 24980 toneladas de CO2. Búscase así a implicación da cidadanía e das administracións públicas para loitar contra o cambio climático con medidas pensadas, cuantificadas e reais.
Neste senso, cóntase coa asistencia técnica de Sicasoft Solutions, unha empresa especializada na materia. Así, as representantes da referida empresa explicáronlles aos membros do executivo local e oposición o inventario de emisión, é dicir, en que situación se atopa o municipio pobrense en materia de emisión de CO2; así como o plan de acción para a mitigación e adaptación, sobre o cal as persoas asistentes puideron face-las súas achegas e expoñer dúbidas.
Entre os parámetros por ter en conta para a elaboración do citado documento figuran os riscos climáticos con probabilidade de que se produzan e o impacto que terían, os sectores máis vulnerables, a capacidade de adaptación e os grupos máis débiles de poboación. Os datos reflectíronse tendo en conta diversos informes técnicos.
Na segunda semana de setembro volverá producirse unha nova reunión na cal se presente o plan xa perfilado coas medidas que faltan por cuantificar e xa definidas as coñecidas como key actions (tres accións claves) para, posteriormente, comezar coa implantación das decisións, e avaliar periodicamente a súa evolución no tempo.