Últimas Novas

A programación pobrense do 25-N reivindica a educación en igualdade como base da prevención da violencia de xénero

A programación pobrense do 25-N reivindica a educación en igualdade como base da prevención da violencia de xénero

18 Novembro, 2022

A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal activa unha ampla axenda dirixida a toda a poboación co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora no 25 de novembro. Ponse así o foco na importancia da educación en igualdade como base da prevención e erradicación da violencia de xénero.

Ao acto de presentación asistiron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra); a asesora xurídica á muller, María Pérez; e a axente de igualdade, Carolina Rodríguez.

A edil incide en que as mulleres asasinadas non son só unha cifra e en que a través da educación se precisa “un cambio de mentalidade que debe ser unha realidade.” A este respecto, apunta que na localidade hai activos 16 casos, 16 mulleres que teñen algunha medida de protección. O rexedor tamén fai fincapé no obxectivo de conciencia-la sociedade e de loitar contra esta problemática dende a raíz.

O programa esténdese a todo novembro; de feito, algunhas actividades xa comezaron a principios de mes. Un exemplo é o inicio no día 8 de Muller Dixital, un proxecto impulsado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que chega á localidade coa colaboración da Concellaría da Igualdade. Esta acción formativa procura que mulleres desempregadas ou en mellora de emprego adquiran competencias dixitais para así reduci-la fenda de xénero a través da capacitación dixital. As clases impártense de luns a venres na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal e contan con 20 participantes.

O apartado das artes escénicas centrouse na representación da peza teatral Miss Docet no día 12. Compañía Eléctrica subiu ás táboas do Elma para achegarlle ao público a figura de Emilia Docet, muller viguesa coñecida por se-la Miss España Galeguista, quen destacou como nadadora durante a República, estudou para ser perita mercantil e formou parte do Partido Galeguista. Recupérase así, dende a escena, a memoria histórica e o papel de loita dunha xeración de galegas que fixeron vale-los seus dereitos a pesar das represalias da época. A función representouse ao abeiro do programa de Igualdade da Deputación da Coruña.

Tamén hai oco para as exposicións que convidan á reflexión sobre o papel das mulleres ao longo da historia: a mostra Nós somos elas artéllase sobre a visión de vinte e catro poetas arredor de imaxes do Arquivo Vidal protagonizadas por mulleres. Fotografías e palabras, pasado e presente conflúen nesta exhibición que chega á casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler na última quincena de novembro coa cooperación da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a área da Igualdade da Deputación da Coruña.

A quenda dos faladoiros terá lugar no propio día 25. O teatro cine Elma acollerá, ás 19.00 horas, un videofórum coa proxección das curtametraxes El orden de las cosas, Libre directo e As mulleres falan para ter un posterior debate moderado pola xornalista Marga Pazos. O acto será introducido pola lectura dun manifesto.

Na xornada seguinte, día 26, habilitarase na praza do Emigrante, en horario de mañá, o stand Agresión Off: Eu digo non á violencia de xénero. Esta iniciativa ten como obxectivo a loita contra as violencias exercidas nas mulleres a través de obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas da man da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para tódolos públicos.

Así mesmo, continúase coas accións orientadas aos centros educativos do municipio. Na próxima semana levaranse sesións de contacontos con Troskita aos colexios da infantil e primaria para que o estudantado adquira estratexias para a resolución pacífica dos conflitos.

Tamén se artella, destinado á primaria, concretamente aos cursos de 5° e 6°, un obradoiro creativo artístico-dixital contra a violencia, que se vai desenvolver na Casa da Mocidade. Consiste da fabricación en 3D dun chaveiro con motivo do 25-N que se complementará con xogos interactivos para a sensibilización sobre a prevención da violencia de xénero.

Dirixida a idades máis avanzadas, Esther Buela, protagonista do libro Calladita no eres más bonita, relatará no CPR Divino Maestro, no 22 de novembro, e no IES da Pobra do Caramiñal, no 1 de decembro, a súa experiencia vital como vítima de violencia machista. O texto plasma a historia de varias mulleres novas que sufriron esta eiva social.

A maiores, alumnado do instituto asiste nestas semanas ao coloquio Violencia de xénero e o novo contexto dixital impulsado pola Secretaría Xeral da Igualdade. Aquí abórdase a prevención das novas formas de violencia que xorden nun mundo dixitalizado.

Continúa, ademais, aberto o prazo do concurso de ideas para a escultura en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero. A obra gañadora estará premiada cunha dotación económica de 3 000 euros, a entrega dun diploma e a adxudicación da realización da talla por un importe máximo de 9 000 euros. A segunda mellor valorada será galardoada cun accésit. As bases completas están ao dispor en www.apobra.gal.

Novamente, a Administración local aposta por seguir adherida á campaña DE FRONTE á violencia de xénero, impulsada pola Deputación da Coruña, ademais de continuar coa difusión de En negro contra as violencias, que tanta repercusión tivo anos atrás.