As instalacións da piscina da Pobra reabriranse no 7 de marzo
A partir da vindeira semana as instalacións da piscina da Pobra do Caramiñal volverán estar abertas ao público. A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), informou de que os sete primeiros días de funcionamento serán gratuítos para as persoas que estaban inscritas antes do seu peche, polo cal só terán que paga-la parte proporcional do que resta de mes, no cal se ofrecerán actividades soltas e xa en abril se recuperará a normalidade do servizo. As novas matrículas poderanse efectuar a partir do día 21 de marzo.
Doutra banda, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), explicou que houbo momentos nos que o peche desta instalación deportiva era obrigatorio debido á COVID-19 e, cando se puido volver a abrir, era inviable economicamente debido ás limitacións na cabida máxima. O rexedor tamén indicou que para o goberno municipal o momento idóneo para abrir foi no mes de setembro do 2021, unha vez que no concello baixou a incidencia polo coronavirus. Pero, entón, xurdiron dificultades coa empresa concesionaria, que tiña presentada unha solicitude de reequilibrio económico que incluía unha importante indemnización, e á cal aínda non se lle dera resposta. Agora, aínda sen pechar dito expediente, a empresa accedeu á reabrir os servizos da piscina, logo das negociacións mantidas coa Alcaldía.
Así mesmo, anunciaron que se estudará a viabilidade para a súa municipalización e a dotación con novo equipamento, así como a mellora da dependencia.