Últimas Novas

O Entroido pobrense aposta por recupera-la figura do choqueiro cun concurso fotográfico

O Entroido pobrense aposta por recupera-la figura do choqueiro cun concurso fotográfico

Ante a situación epidemiolóxica derivada da COVID-19, neste 2021 non é posible levar a cabo a programación do Entroido tal e como se concibía en anos anteriores no municipio da Pobra. En consecuencia, a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal aposta por non renunciar a esta festividade e, para tal fin, respectando as medidas sanitarias adoptadas, formula como alternativa o concurso fotográfico Choqueirada na casa, o cal conxuga o desfrute desta tradición coa posta en valor e recuperación da figura do choqueiro. Así o anunciaron no mediodía deste venres 5 a edil da referida área, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a técnica municipal, Fita Sanisidro.

Convídase así toda a veciñanza pobrense a participar, independentemente da idade, nesta proposta para a cal tan só é preciso creatividade e botar man dos recursos que hai na casa.

Establécense para o citado concurso cinco categorías: a infantil (ata 12 anos); a xuvenil (de 13 a 17); a adulta (a partir de 18); a familiar (grupo de persoas conviventes); e a categoría especial (imaxe antiga de choqueiros na Pobra do Caramiñal).

Entre os requisitos figura unha foto por participante e modalidade, ademais de que a presentación será en formato dixital JPG a través do enderezo electrónico culturapobra@gmail.com, indicando o nome do disfrace, categoría, nome e apelidos da persoa que concursa e un número de teléfono de contacto.

O prazo vai dende as 00.00 horas do día 12 de febreiro ata as 23.59 horas do día 21 de febreiro. O xurado, composto por persoas pertencentes a diferentes entidades relacionadas coa cultura, valorará a orixinalidade do disfrace e dos recursos empregados. O ditame realizarase no 26 de febreiro e as persoas gañadoras anunciaranse na páxina web do Concello e serán notificadas polas vías de contacto que deixasen.

Os premios consisten en vales de compra para utilizar nos establecementos locais que participan nesta iniciativa, arredor de 50. Para as modalidades infantil, xuvenil, adulta e familiar establécense 3 premios (primeiro de 200 euros, segundo de 150 e terceiro de 100); mentres que a foto antiga terá o premio especial de 200 euros.

Calquera dúbida será atendida na casa da cultura Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto do mesmo departamento: 981831545.

As bases atópanse publicadas en www.apobra.gal.