Últimas Novas

O peirao comercial da Pobra será obxecto de melloras

O peirao comercial da Pobra será obxecto de melloras

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, acompañada da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e do alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, visitou o peirao comercial da localidade, o cal se atopa entre os beneficiarios da redacción de proxectos para melloras en distintos portos galegos; entre os traballos previos, figuran varios estudos.

No caso do peirao pobrense, os labores focalízanse na remodelación do acceso ao porto comercial e a ampliación do lugar do atracadoiro, accións nas cales se considera substituír parcialmente o actual acceso por unha solución permeábel ás correntes, avaliando as diferentes opcións construtivas e a extensión do atracadoiro comercial cara ao interior do peirao. Para estas actuacións, o presuposto total previo á licitación é de máis de 72500 euros e, antes de efectualas, valoraranse os aspectos relacionados co hidrodinamismo e as repercusións sobre os bancos marisqueiros. Ademais, atópase en licitación o servizo de redacción de estudos ambientais e proxecto da dragaxe.

Do mesmo xeito, Portos de Galicia finalizou o proxecto para mellora-los pantaláns do porto, co que se prevé substituí-lo pavimento, a reordenación das atracadas e a instalación de novos fingers, entre outras intervencións.

Por outra banda, achegáronse ata os vestiarios que empregan as persoas traballadoras das consignatarias, pois as presentes coincidiron na necesidade da construción dunhas novas dependencias xunto coa dotación de material. A presidenta do ente público comprometeuse a avalia-la proposta e o mandatario local anunciou que buscará formas de financiamento para esta actuación, ademais de manter encontros coas consignatarias para aborda-la situación máis polo miúdo.

Finalmente, desprazáronse ata o Club de Remo “Puebla” co obxectivo de buscar unha alternativa á falta de espazo existente que dificulta o desenvolvemento da actividade das e dos remeiros. Todo o mundo coincidiu en que a opción máis factíbel é habilitar, provisionalmente, un espazo dentro dun local, propiedade de Portos, situado preto da estación de autobuses. Pero esta consistiría nunha solución temporal. Neste senso, o alcalde manifestou que o Concello estaría interesado en solicita-la concesión do inmóbel, o cal permitiría resolve-la problemática do club a longo prazo e a dificultade de almacenaxe que sofre actualmente a Administración local.