Últimas Novas

O rexedor pobrense reuniuse con representantes das consignatarias

O rexedor pobrense reuniuse con representantes das consignatarias

O alcalde Xosé Lois Piñeiro mantivo a semana pasada unha reunión con representantes de Consignaciones Barbanza, Consignaciones Puebla e Consignaciones Luis Martinez para poder coñecer de primeira man a situación dos vestiarios do peirao comercial, os cales son empregados polas persoas traballadoras das mencionadas empresas.

De feito, o mandatario local xa se achegara ata as referidas dependencias a principios de setembro durante a visita da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, á localidade. Nesta ocasión, o rexedor tivo a oportunidade de comprobar in situ o que cualificou como “graves deficiencias que presentan as instalacións.” Segundo apuntou, o proxecto para a construción duns novos vestiarios que reúnan as condicións necesarias para cumpri-las súas funcións atópase na actualidade paralizado, ademais de que, tal e como se expuxo, o seu elevado custo e a repercusión que tería nas taxas portuarias (multiplicaríanse por dez) non permitiron chegar a un acordo entre as empresas usuarias do peirao e a entidade responsable do funcionamento do porto.

En consecuencia, o alcalde amosou o apoio do goberno municipal ás demandas das empresas consignatarias e ofreceuse a mediar no asunto, na procura dunha solución nun curto prazo, pois afirmou que “a situación é insostible debido ao avanzado grao de deterioración dos vestiarios, que non cumpren coas condicións mínimas de hixiene e seguridade.”

Neste senso, o mandatario local solicitará unha nova xuntanza coa presidenta do ente público e, de ser necesario, procurará dar traslado da situación ao Parlamento galego.