
Peter Punk presenta “Peor imposible”
Venres 9 de decembro ás 20.30 h no teatro Elma
A madureza dun pallaso irreverente, pícaro, inconformista e politicamente comprometido.
Isaac Rodríguez métese de novo na pel de Peter Punk, quen para moitos é o mellor pallaso galego do momento, para se enfrontar á realidade a golpe de humor e un pedazo de má baba.
Peor imposible é o seu cuarto espectáculo, co cal consolida a súa colaboración con Walter Velázquez, prestixioso dramaturgo arxentino.
O pallaso galego e o director arxentino teceron fermosas imaxes e complexos equilibrios cos comentarios acedos característicos da personaxe ata construír un espectáculo irreverente e comprometido. Humor retranqueiro, números participativos, equilibrios con nove paraugas, un impactante circuíto da morte e un evocador final cun arriscado equilibrio son algúns dos fios de que está feito Peor imposible, unha proposta clown nada na Galiza e senlleira a nivel internacional.