O Día de Rosalía de Castro conmemórase na Pobra co “caldo de groria”, a ofrenda cívica e actividades para as crianzas
O 23 de febreiro é unha data marcada no calendario cultural galego, pois enxálzase a figura e produción literaria dunha das nosas referentes: Rosalía de Castro. A concelleira da Cultura da Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), acompañada da técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, avanza que a Administración local se suma aos actos que se desenvolverán por toda Galicia.
A edil manifesta que a programación se focaliza novamente nas crianzas para lles achega-la escritora dun xeito didáctico e cun compoñente lúdico, pois “serán as encargadas de salvagarda-lo legado.” Para a rapazada lánzase novamente o xogo-concurso As Sete Rosalías. Consiste en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que conteñen no seu interior o rostro de Rosalía acompañado de versos seus. Estas pezas estarán expostas nos escaparates dunha trintena de establecementos da localidade no período comprendido entre o día 24 de febreiro e o 3 de marzo. O desafío reside en busca-las 7 versións diferentes da imaxe que ilustra o cartel. Unha vez atopadas, será preciso anotar no folleto cal é esa diferenza e en que instalación se sitúa. Poden participar todos aqueles nenos e nenas pobrenses con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que conten cun dos impresos repartidos nos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra. De lograren supera-lo reto, deben entrega-los impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos centros de ensino xa mencionados. Sortearanse 50 lotes de agasallos entre tódolos cativos e cativas acertantes, no 7 de marzo.
A maiores, repartiranse puzzles cun debuxo de Rosalía para colorear por parte dos centros de ensinanza da infantil.
E, no propio día 23, efectuarase a tradicional ofrenda cívica na praza que leva o nome da escritora, ás 13.00 horas, coa lectura dun manifesto, música tradicional e un “caldo de groria” para rematar.