Presentación de "Na defensa dos animais", venres 7 de xuño no auditorio municipal
No venres 7 de xuño de 2019 terá lugar a primeira presentación do libro “Na defensa dos animais”, do filósofo e activista Oscar Horta, un libro que aborda os modos de relación que estabelecemos cos animais doutras especies, que tradicionalmente se nos acostumou a considerar como obxectos que podemos utilizar á vontade, e por cuxa situación non nos temos que preocupar, unha idea que está a ser abandonada actualmente por moita xente. O autor –unha das voces máis autorizadas hoxe en día na ética animal e na reflexión sobre a constitución moral e legal dos animais- cuestiona e expón a través das páxinas do libro cales son as razóns de que isto estea a acontecer, cales os motivos que teñen todas esas persoas que se están a unir, nun número cada vez maior, á causa da defensa dos animais, e que hai tras desa mudanza.
Dende unha minuciosa análise, cunha linguaxe non especializada pero si rica en argumentos, o autor convídanos a muda-la situación dos animais, póndonos do lado daqueles que non tiveron a sorte de naceren humanos, e dando o paso adiante que precisan, a prol da súa defensa.
A presentación terá lugar venres 7 de xuño, ás 20 h no auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, e participarán, ademais do autor, Genoveva Hermo, concelleira de Cultura e do Medio Ambiente, e o editor Roberto Abuín, da editorial Axóuxere.