
Festas do Nazareno 2019: campaña "Agresión OFF, eu digo non á violencia sexual"
O Concello da Pobra do Caramiñal pon en marcha durante as celebracións das festas do Nazareno a campaña “Agresión OFF: eu digo non á violencia sexual” de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos, emprendida no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Nestas festas haberá dous espazos: un de información, sensibilización e prevención, e outro de intervención para asisti-las mulleres vítimas. O equipo estará formado por unha profesional da psicoloxía, quen se encargará da intervención directa coas vítimas, e un grupo de persoas voluntarias, formadas na temática,que prestará apoio técnico e realizará as actividades de prevención e sensibilización.
O horario destes puntos de información, sensibilización e intervención será venres, sábado e domingo de 23:00 h a 03:00 h
Ademais, haberá un grupo de aliadas: persoas voluntarias que levarán un distintivo para que as mulleres poidan identificalas como persoa sensibilizada e a quen poden acudir no caso de precisáreno.
Facemos un chamamento a toda a veciñanza e a tódalas persoas que nos visitan para gozaren das nosas festas e mais da nosa vila para que, entre todas e todos, contribuamos a facer uns festivais seguros, sen violencia sexista.
https://www.facebook.com/igualdadeapobra