9 de xaneiro ás 20 h na casa da cultura Raquel Fernández Soler, inauguración da exposición "As pegadas do Camiño de Santiago no Barbanza. A Orixe"
Este xoves, 9 de xaneiro de 2020, ás 20:00 h , na casa da cultura Raquel Fernández Soler da Pobra do Caramiñal, decorrerá o acto público inaugural da exposición “As pegadas do Camiño de Santiago no Barbanza. A Orixe“, unha publirreportaxe divulgativa dese relevante tesouro cultural que nos transmite o patrimonio material (monumentos relixiosos e civís, obras das belas artes, iconas, símbolos santiaguistas, vellas infraestruturas asistenciais, cruceiros) e o patrimonio inmaterial (tradicións lendarias de signo xacobeo, haxiografía de raizame galaica, ecos de cantares épicos do ciclo carolinxio, inspirados polo fenómeno xacobeo e as peregrinacións) localizados arredor do Camiño de Santiago no Barbanza e Sar.
Xaneiro é o mes de exhibición na Pobra do Caramiñal. Acollida polo concello da localidade, permanecerá aberta ó público -logo da inauguración deste xoves 9 de xaneiro- entre os días 10 e 31 de xaneiro de 2020, no horario habitual da sala cultural municipal.
Mostra itinerante por seis concellos unidos a través dun itinerario camiñado durante as idades Media e Moderna, entre Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro e Padrón. Comisario: Antonio González Millán. Reportaxe fotográfica: Adolfo Enríquez Calo
Entidade promotora: Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe.
Colabora o Concello da Pobra do Caramiñal.
Patrocina a Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta, no seo do programa O Teu Xacobeo.