A corporación municipal e a veciñanza da Pobra do Caramiñal homenaxean a escritora Rosalía de Castro no seu día (24 de febreiro)
Hoxe, 24 de febreiro, é o aniversario da nacenza da escritora galega e universal Rosalía de Castro (24.02.1837), pedra fundacional do Rexurdimento literario galego coa publicación da súa obra poética Cantares gallegos no día 17 de maio de 1863 (data en que Rosalía asina a dedicatoria do libro á escritora “Fernán Caballero”): por iso celebramos tódolos 17 de maio o Día das Letras Galegas.
Nesta data son numerosas as asociacións e institucións que se unen para honra-la nosa escritora.
O Concello da Pobra do Caramiñal sumouse ás iniciativas que hoxe, 24 de febreiro de 2020, teñen lugar por toda a xeografía galega.
Ás 13 h tivo lugar na praza de Rosalía de Castro un acto institucional de homenaxe, en que a concelleira da Cultura da Pobra do Caramiñal leu un manifesto no cal se lembra a grande importancia de Rosalía de Castro non só no terreo literario, senón tamén no das reivindicacións da súa época en favor das clases máis humildes do pobo e mais das mulleres.
A seguir, as concelleiras da Pobra do Caramiñal realizaron unha ofrenda floral, na compaña da música e bailes tradicionais interpretados pola asociación Arrancadeira.
https://apobra.gal/domingo-23-e-luns-24-de-febreiro-actos-de-homenaxe-a-rosalia-de-castro-na-pobra-do-caraminal/