Información do Concello da Pobra do Caramiñal sobre o funcionamento da Administración municipal dende 17 de marzo de 2020 pola alerta sanitaria
O Concello da Pobra do Caramiñal permanecerá coas portas pechadas dende hoxe, martes 17 de marzo de 2020, ata luns 30 de marzo, se non se estabelecer unha prórroga do real decreto que declara o estado de alarma.
A atención será telefónica, o persoal traballará á distancia. Tan só haberá unha persoa no rexistro municipal atendendo as chamadas no número 981 84 32 80. Tódolos números están desviados ós móbiles dos traballadores e traballadoras, que poderán seguir atendendo a cidadanía e as súas demandas e necesidades. Tamén están ó dispor da veciñanza tódolos correos electrónicos e a sede electrónica. Empregarase calquera medio telemático que evite o contacto persoal.
Tódolos prazos administrativos están suspendidos.
Só se poderá recoller ou entregar documentación física en casos inaprazábeis, debidamente xustificados.
Sentímo-las molestias, pero consideramos que o Concello debe dar exemplo de responsabilidade e solidariedade.
Os servizos mínimos obrigatorios de hixiene, limpeza, seguridade e atención social seguirán a funcionar, con tódalas medidas de seguridade ó noso alcance hoxe en día.
Continuaremos co traballo habitual do Concello para manter ó día os pagamentos e avanzar en tódalas tarefas e procesos administrativos en que sexa posíbel mediante o teletraballo.