O Concello da Pobra adquire unha vintena de tablets para superar a fenda dixital
Co obxectivo de contribuír á superación da fenda dixital, o Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría da Igualdade, mercou este mes de agosto un total de 20 tablets coas súas correspondentes fundas. A dita medida supuxo un investimento de 3600 euros con cargo aos orzamentos municipais de 2020.
Actualmente estes dispositivos atópanse en uso por parte das crianzas que participan no campamento de conciliación que se desenvolve no C.E.P. Salustiano Rey Eiras, empregándoos como ferramenta para socializar a través de xogos de mesa virtuais e actividades de lóxica, seguindo o protocolo de seguridade establecido por mor da COVID-19 e sen renunciar á diversión nin esquecer o aspecto educativo.
Unha vez remate o campamento co inicio do curso escolar, as tablets empregaranse naquelas actividades organizadas polas diversas áreas do Concello que así o requiran. Preténdese así achegar as novas tecnoloxías e formación en liña ao conxunto da veciñanza independentemente do rango de idade.