A Pobra atópase inmersa en numerosas accións medioambientais
O Concello da Pobra do Caramiñal atópase adherido a numerosas campañas medioambientais que buscan a implicación da cidadanía e das administracións públicas para loitar contra o cambio climático. As ditas actuacións atópanse xestionadas pola Concellaría do Medio Ambiente para a súa implantación no ámbito local. Neste senso, antes do día 5 de setembro procederase á plantación dunha árbore, previsibelmente, no xardín da casa da cultura Raquel Fernández Soler. Trátase dunha acción enmarcada en Unha árbore por Europa, promovida polo Equipo Europa e apoiada polo Parlamento Europeo, que tenta implica-la xente na toma de decisións en materia de sustentabilidade local. O acto transcorrerá sen público debido ao protocolo sanitario estabelecido por mor da COVID-19.
Por outra banda, cómpre indicar que a praia dos Areos figura na Rede galega de praias sen fume, dentro da iniciativa Praias sen fume, cuxos obxectivos son promocionar unha vida sen tabaco, non normaliza-lo consumo do tabaco na sociedade, reforza-lo papel modélico positivo das e dos proxenitores, formar unha rede galega de ‘Praias libres de tabaco’ e promover areais que respecten e coiden o medio ambiente. Seguindo esta filosofía, o campamento de conciliación que se desenvolve no C.E.P. Salustiano Rey Eiras albergou no 13 de agosto unha serie de actividades coas cales sensibilizar fronte ao tabaquismo as crianzas participantes.
Así mesmo, continúase traballando no Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), un documento clave dentro do Pacto das Alcaldías, a través do cal o Concello expón como acadará o compromiso asumido de lograr en 2030 unha redución do 40% das emisións de CO2 -e, posibelmente, outros gases de efecto invernadoiro-, o cal se traducirá para o municipio nunha dedución de 9992 toneladas das ditas emisións no prazo de 10 anos, desde os datos obtidos en 2015, exercicio durante o cal se despediron á atmosfera 24980 toneladas de CO2.
Cómpre lembrar que no consistorio seguen estando dispoñíbeis, todos eles de balde, os cinceiros para os areais (financiados pola empresa concesionaria da recollida do lixo, como parte da súa filosofía empresarial), guías da natureza (co financiamento da Administración local e da Deputación da Coruña) e funís para a recollida de aceite doméstico (co financiamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico).