As escolas deportivas da Pobra botarán a andar en outubro
A Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal organiza a programación deportiva para a tempada 2020-2021, a cal consta de actividades destinadas a toda a poboación que sexa maior de 3 anos de idade. Deste xeito, botarán a andar no 5 de outubro, divididas en dous cuadrimestres. O primeiro estenderase dende 5 de outubro do presente ano ata 19 de xaneiro de 2021, mentres que o segundo será dende 1 de febreiro de 2021 a 31 de maio do mesmo exercicio.
Neste senso, o programa atópase diferenciado en varios apartados. Por unha banda, as escolas deportivas do Concello a través da educación física de base/multideporte e fútbol sala mixto (Chupete, Sub-8, Sub-10 e Sub-12); e pola outra, as escolas deportivas a cargo de entidades locais mediante artes marciais, atletismo, patinaxe artística, remo, tenis, tenis de mesa, xadrez, xogos de mesa/estratexia, tiro con arco e aeromodelismo.
Cómpre sinalar que, no dependente da área municipal dos Deportes, pola participación de irmás e irmáns aplicarase un desconto do 50% á segunda persoa e será de balde para a terceira. Ademais, os horarios poderanse alterar en función das persoas inscritas nas actividades.
No que respecta ás persoas adultas, ofértase ximnasia de mantemento, pilates, camiñadas + stretching e camiñadas para maiores. De se anotaren en dúas actividades destinadas a persoas que superen os 16 anos, o prezo bimensual de dúas clases será de 30 euros e a terceira sairá gratuíta, agás nas camiñadas para maiores que xa son actualmente de balde.
Tódalas disciplinas van impartirse seguindo o protocolo e as medidas implantadas por mor da COVID-19.
As persoas interesadas poden solicitar información e inscribirse nas oficinas de Deportes do Concello, situadas na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, en horario de 09.30 a 14.30 horas, cos teléfonos de contacto 981832590 e 981831545.